A piques de rematar agosto, botamos a vista atrás e vemos un verán cheo de citas que nos levaron a percorrer numerosas localidades da nosa terra e mesmo algunhas de fóra de Galicia, como Santander, en Cantabria; ou Oleiros, no distrito de Castelo Branco, en Portugal. A verdade é que case non tivemos descanso, con actuacións case todas as fins de semana en encontros folclóricos, certames de música e danza tradicionais, foliadas e mesmo vodas que, cada vez con máis frecuencia, os noivos prefiren amenizar con músicos e bailadores que deixen unha boa mostra da nosa cultura.
Unha voda en Bergantiños
De feito, todo comezou este verán cunha voda en Bergantiños, alá polo mes de xuño… Aínda que esta non foi unha voda real, senón a recreación dun casamento de finais do século XIX o principios do XX, nun espectáculo etnográfico que serviu para recrear os usos que rodeaba o que era un dos fitos máis importantes na vida das persoas, pero tamén para facer un repaso da riqueza da música e o baile tradicional dende a Terra Chá ata Bergantiños. Foi a nosa cita grande desta tempada e, sen dúbida, un dos espectáculos máis aplaudidos e do que nos sentimos máis orgullosos dos últimos tempos.
E seguimos
A partir de aí, viaxamos á localidade de Oleiros, en Portugal, onde convivimos durante unha fin de semana cos nosos anfitrións do Rancho Folclórico e Etnográfico desa localidade, de onde trouxemos non só unha morea de bos momentos, senón unha verdadeira lección de amor e respecto pola propia cultura e tradición. A seguir, visitamos Cedeira e Cambre, onde se celebrou a tradicional Xuntanza Mariñana, para desprazármonos novamente fóra de Galicia ata Santander, convidados pola Casa de Galicia desa fermosa cidade, que viu as súas prazas encherse co son das gaitas e os bailes de Santaia. Celebramos o Día da Patria uns días máis tarde en Santa Cruz, con varios grupos convidados que conseguiron encher a praza de Esther Pita, e acompañamos ao grupo de Oleiros, Folliñas, nas festas da súa patroa.
Finalmente, o 20 de agosto, celebramos as festas de Santa Cruz por todo o alto. Nesa data, unha familia do pobo entrega o Ramo a outra, como símbolo da fertilidade dos campos e dun bo ano para as colleitas. Ese día, Santaia percorre as rúas coa súa música dende primeira hora da mañá, acompaña ao Ramo ata igrexa en procesión e, despois da misa, baila e canta para poñer fin á xornada festiva.
Pero aínda non rematamos a tempada, á que poremos punto final en Ordes, o vindeiro día 17 de setembro. Así que, se non tiveches oportunidades de acompañarnos nas citas anteriores, agardámoste desta volta. Despois, merecemos un descansiño antes de empezar a preparar as novas pezas de música e baile dos nosos próximos espectáculos. Pero iso será máis adiante.
Pingback: Boas Festas e Feliz Aninovo! – Grupo de baile e gaitas Santaia
Pingback: Todo preparado para comezar o curso – Grupo de baile e gaitas Santaia