Xa estamos en outubro e esta mesma semana comezan as aulas de baile, gaita, percusión e pandeireta en Santaia. Despois dun verán cheo de actuacións, levamos unhas semanas de descanso e xa temos ganas de comezar de novo, para aprender pezas novas, novos bailes e cancións. E, coma cada ano, estamos desexando coñecer ás novas compañeiras e compañeiros que se animan a incorporarse ao Grupo de Baile e Gaitas Santaia. Es ti un deles?
Para os novos e para os de sempre, recordamos algunhas cousiñas que temos que ter en conta á hora de anotarte ás aulas. E, por suposto, se tedes algunha dúbida, sempre nola podedes plantexar no correo info@gruposantaia.org.
Inscrición
Tanto os antigos alumnos coma os que comecen as aulas este ano deberán cubrir un formulario de inscrición que poderán solicitar no Centro Cívico de Santa Cruz ou aos propios profesores das distintas disciplinas, unha vez que comecen as clases. Tamén o podedes descargar aqui.
Prezo
Establécese unha cota progresiva, en función do número de actividades do Grupo de Baile e Gaitas Santaia ás que asista o alumno:
-
1 actividade………12 €
-
2 actividades…….15 €
-
3 actividades…….17 €
-
4 actividades…….18 €
Os adultos e rapaces medianos abonarán doce mensualidades, incluíndo os meses de verán, e os pequerrechos nove cotas, de outubro a xuño.
Horarios
Inicialmente se contemplan os mesmos horarios do ano pasado, aínda que cabe a posibilidade de que se produzan lixeiras variacións en función das necesidades que se detecten no inicio do curso ou que veñan determinadas por outras circunstancias alleas a Santaia. En todo caso, unha vez comezadas as aulas, actualizaremos nesta web os pequenos cambios que se podan producir.
Data de inicio
Todas as actividades darán comezo o primeiro día que lles corresponda no mes de outubro, agás as aulas de pandeireta de Adultos, que non o farán ata o mércores 11 de outubro. Nesa data, están convocados tódolos alumnos de pandeireta adultos ás 21.00 h. no Centro Cívico de Santa Cruz para facer a distribución dos grupos.
Espazos
Inicialmente, os dous espazos contemplados para o desenvolvemento das aulas serán, coma vén sendo habitual, o Centro Cívico de Santa Cruz e o centro cultural As Torres de Santa Cruz, de acordo coa planificación contemplada nos horarios. Se houbese algún cambio, notificaríase con tempo.
Período de aulas
O período de aulas no horario establecido prolongarase entre o mes de outubro de 2017 ata o mes e xuño de 2018. A partir desa data, finalizarán as aulas dos máis pequerrechos, mentres que as dos rapaces medianos e adultos continuarán no período estival, no horario que se decida, en función das actuacións do grupo.
Tendes todo claro? Pois vémonos nos ensaios!