Participamos no 15º Ciclo de Coros Galegos

78732491_1190398104495514_7945740753739710464_oPara Santaia, tódalas actuacións son importantes, porque en todas poñemos o mellor de nós mesmos, pero algunhas teñen un aquel especial que fan que pervivan na nosa memoria. Ese foi o caso da nosa participación, o pasado 1 de decembro, no 15º Ciclo de Coros Galegos Históricos e Novos, ao que fomos convidados por Cántigas da Terra, a quen lle estamos ben agradecidos.

Ademais de recibir un trato exquisito e gozar dunha magnífica organización, tivemos a honra de compartir escenario do Teatro Rosalía de Castro, que xa é un luxo per se, da man dos nosos padriños de Cántigas da Terra e do Real Coro Toxos e Froles. Un momento que xa queda fixado na nosa historia coma un fito moi especial.

Deixámosvos aquí algunha imaxe, pero podedes ver o álbum completo aquí.

No verán, Santaia non ten parada!

Moito gozamos este verán, levando a música e o baile tradicionais de Galicia alí onde quixeron compartila con nós. Arrincamos no mes de maio achegándonos á Romaría do cole de Santa Cruz, CEIP Isidro Parga Pondal, a onde levamos as pezas que estivemos todo o ano preparando, nunha actuación que foi a primeira para algúns dos nosos músicos e bailadores.

A continuación, atrevémonos cunha pequena ousadía. Presentámonos ao XXXVIII Concurso de Baile Tradicional Xacarandaina, ao que nos achegamos con dous obxectivos fundamentais: deixar unha boa imaxe de Santaia e gozar dun escenario como o Palacio da Ópera de A Coruña, que impón e che crece a partes iguais. É de salientar que conseguimos os dous obxectivos pero, ademais, levamos a enorme sorpresa de acadar o segundo premio da categoría C e a nosa compañeira Paula Barral levou a casa o galardón ben merecido de Mellor Bailadora. Deixámosvos o vídeo desa actuación, á que levamos a Xota de Santa Sabiña, que non cansamos de rever.

Co pulo que nos deu este arranque de tempada, centrámonos entón na preparación do espectáculo etnográfico “Romeiros”, unha proposta na que o público nos acompañou nun percorrido por algunhas das principais romarías de Galicia e que transcorreu entre finais do século XIX e os anos 20. Nel, non só presentamos música e baile, senón que o fixemos enmarcándoas na vida cotiá da Galicia daquel tempo.

A partir de aquí, xullo foi un mes intenso. O día 14 visitamos Bueu para participar no Festival Retrouso, antes de celebrar o día da Patria en casa, na praza Esther Pita, de Santa Cruz, cun festival de música e danza no que nos acompañaron o grupo Faragullas de Teixeiro e o Rancho Folclórico e Etnográfico de Oleiros (Castelo Branco – Portugal). Sen tempo para máis, preparamos a equipaxe para volver a Santander, convidados pola Casa de Galicia por segundo ano consecutivo para celebrar con eles o 25 de xullo. A acollida foi, coma o ano anterior, inmellorable.

Pouco despois, tivemos a oportunidade de ir tocar e bailar a unha voda que se celebrou no magnífico pazo de Xaz. O son das nosas gaitas recibiron aos recén casados e aos convidados, boa parte deles de orixe escocés, coma o noivo, que gozaron coa proposta de música e baile que lles levamos.

Xa en agosto, devolvemos a visita á Agrupación Faragullas de Teixeiro, que celebraba nesa localidade a XVIII Semana da Cultura e do Lecer, antes de poñer o peche á tempada coa nosa cita grande: as festas de Santa Cruz, coa procesión do Carme, as alboradas e, por suposto, o Ramo, que se celebrou, coma sempre no adro da igrexa de Liáns. Pero isto non foi todo, entre unha e outra data, os nosos gaiteiros participaron en foliadas, alboradas e pasarrúas, levando a súa música, a súa alegría e o seu saber por tódolos recunchos da nos terra, que no verán non temos parada!

Toca, gaiteiro, toca
Toca se queres tocare
Que están agardando as nenas
Que elas queren bailare

Seguir lendo “No verán, Santaia non ten parada!”

Todo un verán de música e baile!

A piques de rematar agosto, botamos a vista atrás e vemos un verán cheo de citas que nos levaron a percorrer numerosas localidades da nosa terra e mesmo algunhas de fóra de Galicia, como Santander, en Cantabria; ou Oleiros, no distrito de Castelo Branco, en Portugal. A verdade é que case non tivemos descanso, con actuacións case todas as fins de semana en encontros folclóricos, certames de música e danza tradicionais, foliadas e mesmo vodas que, cada vez con máis frecuencia, os noivos prefiren amenizar con músicos e bailadores que deixen unha boa mostra da nosa cultura.

Unha voda en Bergantiños
IMG_4955De feito, todo comezou este verán cunha voda en Bergantiños, alá polo mes de xuño… Aínda que esta non foi unha voda real, senón a recreación dun casamento de finais do século XIX o principios do XX, nun espectáculo etnográfico que serviu para recrear os usos que rodeaba o que era un dos fitos máis importantes na vida das persoas, pero tamén para facer un repaso da riqueza da música e o baile tradicional dende a Terra Chá ata Bergantiños. Foi a nosa cita grande desta tempada e, sen dúbida, un dos espectáculos máis aplaudidos e do que nos sentimos máis orgullosos dos últimos tempos.

E seguimos
A partir de aí, viaxamos á localidade de Oleiros, en Portugal, onde convivimos durante unha fin de semana cos nosos anfitrións do Rancho Folclórico e Etnográfico desa localidade, de onde trouxemos non só unha morea de bos momentos, senón unha verdadeira lección de amor e respecto pola propia cultura e tradición. A seguir, visitamos Cedeira e Cambre, onde se celebrou a tradicional Xuntanza Mariñana, para desprazármonos novamente fóra de Galicia ata Santander, convidados pola Casa de Galicia desa fermosa cidade, que viu as súas prazas encherse co son das gaitas e os bailes de Santaia. Celebramos o Día da Patria uns días máis tarde en Santa Cruz, con varios grupos convidados que conseguiron encher a praza de Esther Pita, e acompañamos ao grupo de Oleiros, Folliñas, nas festas da súa patroa.

O RamoFinalmente, o 20 de agosto, celebramos as festas de Santa Cruz por todo o alto. Nesa data, unha familia do pobo entrega o Ramo a outra, como símbolo da fertilidade dos campos e dun bo ano para as colleitas. Ese día, Santaia percorre as rúas coa súa música dende primeira hora da mañá, acompaña ao Ramo ata igrexa en procesión e, despois da misa, baila e canta para poñer fin á xornada festiva.
Pero aínda non rematamos a tempada, á que poremos punto final en Ordes, o vindeiro día 17 de setembro. Así que, se non tiveches oportunidades de acompañarnos nas citas anteriores, agardámoste desta volta. Despois, merecemos un descansiño antes de empezar a preparar as novas pezas de música e baile dos nosos próximos espectáculos. Pero iso será máis adiante.