Todo preparado para comezar o curso

Xa estamos en outubro e esta mesma semana comezan as aulas de baile, gaita, percusión e pandeireta en Santaia. Despois dun verán cheo de actuacións, levamos unhas semanas de descanso e xa temos ganas de comezar de novo, para aprender pezas novas, novos bailes e cancións. E, coma cada ano, estamos desexando coñecer ás novas compañeiras e compañeiros que se animan a incorporarse ao Grupo de Baile e Gaitas Santaia. Es ti un deles?

Para os novos e para os de sempre, recordamos algunhas cousiñas que temos que ter en conta á hora de anotarte ás aulas. E, por suposto, se tedes algunha dúbida, sempre nola podedes plantexar  no correo info@gruposantaia.org.

Inscrición

Tanto os antigos alumnos coma os que comecen as aulas este ano deberán cubrir un formulario de inscrición que poderán solicitar no Centro Cívico de Santa Cruz ou aos propios profesores das distintas disciplinas, unha vez que comecen as clases. Tamén o podedes descargar aqui.

Prezo

Establécese unha cota progresiva, en función do número de actividades do Grupo de Baile e Gaitas Santaia ás que asista o alumno:

  • 1 actividade………12 €

  • 2 actividades…….15 €

  • 3 actividades…….17 €

  • 4 actividades…….18 €

Os adultos e rapaces medianos abonarán doce mensualidades, incluíndo os meses de verán, e os pequerrechos nove cotas, de outubro a xuño.

Horarios

Inicialmente se contemplan os mesmos horarios do ano pasado, aínda que cabe a posibilidade de que se produzan lixeiras variacións en función das necesidades que se detecten no inicio do curso ou que veñan determinadas por outras circunstancias alleas a Santaia. En todo caso, unha vez comezadas as aulas, actualizaremos nesta web os pequenos cambios que se podan producir.

Data de inicio

Todas as actividades darán comezo o primeiro día que lles corresponda no mes de outubro, agás as aulas de pandeireta de Adultos, que non o farán ata o mércores 11 de outubro. Nesa data, están convocados tódolos alumnos de pandeireta adultos ás 21.00 h. no Centro Cívico de Santa Cruz para facer a distribución dos grupos.

Espazos

Inicialmente, os dous espazos contemplados para o desenvolvemento das aulas  serán, coma vén sendo habitual, o Centro Cívico de Santa Cruz e o centro cultural As Torres de Santa Cruz, de acordo coa planificación contemplada nos horarios. Se houbese algún cambio, notificaríase con tempo.

Período de aulas

O período de aulas no horario establecido prolongarase entre o mes de outubro de 2017 ata o mes e xuño de 2018. A partir desa data, finalizarán as aulas dos máis pequerrechos, mentres que as dos rapaces medianos e adultos continuarán no período estival, no horario que se decida, en función das actuacións do grupo.

Tendes todo claro? Pois vémonos nos ensaios!

Todo un verán de música e baile!

A piques de rematar agosto, botamos a vista atrás e vemos un verán cheo de citas que nos levaron a percorrer numerosas localidades da nosa terra e mesmo algunhas de fóra de Galicia, como Santander, en Cantabria; ou Oleiros, no distrito de Castelo Branco, en Portugal. A verdade é que case non tivemos descanso, con actuacións case todas as fins de semana en encontros folclóricos, certames de música e danza tradicionais, foliadas e mesmo vodas que, cada vez con máis frecuencia, os noivos prefiren amenizar con músicos e bailadores que deixen unha boa mostra da nosa cultura.

Unha voda en Bergantiños
IMG_4955De feito, todo comezou este verán cunha voda en Bergantiños, alá polo mes de xuño… Aínda que esta non foi unha voda real, senón a recreación dun casamento de finais do século XIX o principios do XX, nun espectáculo etnográfico que serviu para recrear os usos que rodeaba o que era un dos fitos máis importantes na vida das persoas, pero tamén para facer un repaso da riqueza da música e o baile tradicional dende a Terra Chá ata Bergantiños. Foi a nosa cita grande desta tempada e, sen dúbida, un dos espectáculos máis aplaudidos e do que nos sentimos máis orgullosos dos últimos tempos.

E seguimos
A partir de aí, viaxamos á localidade de Oleiros, en Portugal, onde convivimos durante unha fin de semana cos nosos anfitrións do Rancho Folclórico e Etnográfico desa localidade, de onde trouxemos non só unha morea de bos momentos, senón unha verdadeira lección de amor e respecto pola propia cultura e tradición. A seguir, visitamos Cedeira e Cambre, onde se celebrou a tradicional Xuntanza Mariñana, para desprazármonos novamente fóra de Galicia ata Santander, convidados pola Casa de Galicia desa fermosa cidade, que viu as súas prazas encherse co son das gaitas e os bailes de Santaia. Celebramos o Día da Patria uns días máis tarde en Santa Cruz, con varios grupos convidados que conseguiron encher a praza de Esther Pita, e acompañamos ao grupo de Oleiros, Folliñas, nas festas da súa patroa.

O RamoFinalmente, o 20 de agosto, celebramos as festas de Santa Cruz por todo o alto. Nesa data, unha familia do pobo entrega o Ramo a outra, como símbolo da fertilidade dos campos e dun bo ano para as colleitas. Ese día, Santaia percorre as rúas coa súa música dende primeira hora da mañá, acompaña ao Ramo ata igrexa en procesión e, despois da misa, baila e canta para poñer fin á xornada festiva.
Pero aínda non rematamos a tempada, á que poremos punto final en Ordes, o vindeiro día 17 de setembro. Así que, se non tiveches oportunidades de acompañarnos nas citas anteriores, agardámoste desta volta. Despois, merecemos un descansiño antes de empezar a preparar as novas pezas de música e baile dos nosos próximos espectáculos. Pero iso será máis adiante.