Imos de festa, á IV Foliada Santaia!!

Este verán, Santaia non ten parada! Despois de viaxar a Châtelaillon-Plage (Francia), de organizar a XXXVI Xuntanza Mariñana e de participar en toda canta troula nos invitaron, seguimos con ganas de festa e queremos convidarvos a todos a compartila con nós. Porque xa estamos rematando os preparativos da IV Foliada de Santaia, que encherá Santa Cruz de música, baile e bo ambiente na tarde do 27 de agosto. O punto de encontro: a praza de Esther Pita.

IV Foliada_CARTEL a3web-02

Comezaremos cedo, ás 18.00 h., cunha chea de xogos tradicionais, para que os máis pequenos empecen animados a festa. E xa a partir das 20.00 h., máis de 150 músicos e bailadores pasarán polo escenario para facernos pasar unha noite de festa rachada! Estarán connosco a Agrupación Folklórica Folliñas (Oleiros), Grupo Tradicional Dorna (Dorneda), Cantareiros do Naval (Santa Cruz), Agrupación Folclórica Ancoradoira (Culleredo), A. C. Faragullas (Teixeiro), Os fillos de Pepa a Loba (Teixeiro), As daló da vía (Teixeiro), Etidekenvessendo, Pandereteiras sen fronteiras, Os de Torres, Os manivelas e Juan Brea entre outros…e por suposto, o Grupo de Baile e Gaitas Santaia ó completo!

Pero vós non quededes de miranda! Queremos vervos bailar a todos!

Como a festa vai ser longa e haberá que repoñer forzas, non faltarán os pinchos e a bebida no noso bochinche, que boa falta van facer. E mentres descansades un pouco, entre peza e peza, non deixedes de achegarvos aos postos dos artesáns que nos acompañarán este ano: os teares e as palilleiras de Santaia, Elena Ferro, Mercedes Moura e Dionisio Aboal. Así que teremos puntillas, zocos, roupa, instrumentos, complementos! Non ha faltar de nada.

Pero non queda aí a cousa. Por se non chegase con volver a casa despois de telo pasado en grande, queremos que levedes, ademais, un agasallo. Así que, ao longo de toda a festa, poderedes mercar rifas para o sorteo que celebraremos ao final e no que poderedes levar unha morea de premios, grazas á colaboración de diferentes establecementos de Santa Cruz.

A que xa estás contando os días que faltan? Pois para que vexas o que che espera, deixámosche aquí algunhas imaxes da III Foliada de Santaia, unha pequena mostra do ben que o pasamos. Vémonos o día 27 de agosto, que imos de festa!

Advertisements