Santaia súmase á demanda de medidas específicas fronte á crise do Covid 19 para o sector da música e o baile tradicional

Raigame 1Un total de 300 entidades que representan a lo menos a 20.000 persoas ligadas á música e ó baile tradicionais, únense nun fronte común co obxectivo de saír desta crise. Este proceso de traballo, que se iniciou co fin de recoller propostas das asociacións e persoas do colectivo, materialízase na elaboración dun documento conxunto, referendado por todo o sector, que recolle medidas específicas para paliar a crise.

Nun primeiro paso, solicítanse medidas inmediatas e a curto prazo, pero continúase traballando na creación dunha plataforma que aglutinará a todo o sector e na creación dun documento final que reúna todas as propostas e que se presentará ás distintas institucións para impedir que o sector da cultura tradicional quede abandonado.

A situación de illamento social e inestabilidade económica provocada pola pandemia da COVID-19 está tendo como consecuencia unha gran crise no ámbito da cultura do noso país. Son varias as medidas que están a xurdir, sen dúbida necesarias, e coas que concordamos e apoiamos; pero queremos manifestar e aportar algunhas máis que reflictan as particularidades do sector da música e o baile tradicional en Galicia, que contemple a situación tanto das Asociacións como da diversidade de profesorado, parte do cal non se atopa nunha situación de traballo regulado.

A música e o baile da nosa tradición, dinamizada a través das Asociacións Culturais, representa un motor indispensable sen o cal o sector profesionalizado da cultura sería moito menor. Os colectivos que apoian estas medidas que presentamos, agrupan a máis de 20.000 asociados/as, compoñentes, traballadores/as e alumnos/as que pertencen ou desenvolven o seu traballo en asociacións ou colectivos que ofertan innumerábeis actividades como clases, concertos, espectáculos, festivais, foliadas, seráns, feiras de artesáns, etc., que axudan á conservación e transmisión da nosa identidade e do noso patrimonio cultural inmaterial e que están completamente paralizadas a día de hoxe. Queremos facer fincapé en que a paralización da actividade está a supoñer importantes perdas na actividade económica, que dificilmente poderá recuperar a súa normalidade sen a axuda da administración e de toda a sociedade galega.

As actividades mencionadas non se contemplan no Plan de Reactivación para os Sectores Cultural e Turístico proposto pola Xunta de Galicia. Por este motivo, solicitamos o compromiso de axuda e colaboración tanto da Xunta de Galicia, como das Deputacións e dos concellos galegos e propoñemos unha serie de medidas establecidas en dúas fases, unha de aplicación urxente e outra aplicable a curto prazo para contribuír ó mantemento e crecemento desta actividade cultural. Ditas medidas son as seguintes:

  1. Fase urxente:
  • Habilitar axudas económicas de forma inmediata que sufraguen as perdas causadas polo estado de alerta actual para todas as Asociacións Culturais.
  • Manter as distintas liñas de axudas, convenios e subvencións dedicadas especificamente ó sector da cultura tradicional nas administracións públicas cunha apertura dun período extraordinario de modificación nos obxectos destas para poder reformulalas e reprogramalas.
  • Garantir o acceso a locais de ensaio (ou similares) onde poder manter a actividade das asociacións e os ensaios dos grupos asegurando o cumprimento das medidas sanitarias e de distanciamento social.
  1. Fase post-estado de alarma:
  • Creación dunha plataforma que aglutinará a todo o sector tradicional para velar polos dereitos e necesidades propias.
  • Implementar medidas de promoción e difusión das actividades do sector unha vez rematado o período de confinamento.
  • Crear un plan de subvencións para a promoción da contratación de profesorado por parte das Asociacións que permita a regularización da situación laboral de ditas traballadoras e traballadores.
  • Crear un plan de axudas económicas ás Asociacións para manter e aumentar a actividade cultural de eventos artísticos e formativos (obradoiros, festivais, mostras, etc.)
  • Crear un Observatorio do Baile e a Música Tradicional Galega que recolla anualmente datos de tipo económico e social, o que permitirá coñecer a repercusión do sector no conxunto do tecido cultural e económico.
  • Fomentar proxectos de investigación, catalogación e divulgación do patrimonio inmaterial dentro dos Conservatorios Superiores, as Universidades galegas e outras institucións públicas ou privadas que veñen traballando neste eido, coma o Consello da Cultura Galega ou o Museo do Pobo Galego.

 

Iniciativa promovida por:

ASOCIACIÓN DE GAITEIROS GALEGOS

FEDERACIÓN XOC

Boas Festas e Feliz Aninovo!

Estamos ás portas dun novo ano e toca facer balance do que remata e proxectos para o que comeza. O punto final ao 2017 puxémolo hai uns días, coma sempre, na residencia de maiores de Oleiros, onde xa nos sentimos coma na casa, cun público agradecido que nos recibe con enorme agarimo. Que máis se pode pedir?

Mirando cara atrás, dámonos conta de que fixemos un montón de cousas este ano. Do que máis orgullosos estamos é do Casamento de Ramón e Palmira, un espectáculo etnográfico de música e baile que nos pon o listón moi alto para o ano que vén.

Tamén viaxamos a Oleiros, no distrito de Castelo Branco, en Portugal, onde compartimos unha fin de semana marabillosa cos amigos do Rancho Folclórico e Etnográfico de Oleiros, que nos devolverán a visita o vindeiro verán. Polo demais, percorremos a xeografía galega, tocando e bailando en foliadas, romarías e festas patronais, ademais de poñer música e baile a máis dunha voda.

Ao 2018 non lle pedimos moito máis, nin moito menos! Seguiremos tocando, bailando e cantando para recuperar, conservar e difundir a nosa cultura e tradición. E, por suposto, compartindo esta tarefa con tantos outros compañeiros e agrupacións, enriquecéndonos os uns aos outros.

21167343_1414024575384845_7607619045702061934_o

Seguimos en contacto en 2018, para o que vos trasladamos os nosos mellores desexos.

Boas Festas e Feliz Aninovo!

Todo un verán de música e baile!

A piques de rematar agosto, botamos a vista atrás e vemos un verán cheo de citas que nos levaron a percorrer numerosas localidades da nosa terra e mesmo algunhas de fóra de Galicia, como Santander, en Cantabria; ou Oleiros, no distrito de Castelo Branco, en Portugal. A verdade é que case non tivemos descanso, con actuacións case todas as fins de semana en encontros folclóricos, certames de música e danza tradicionais, foliadas e mesmo vodas que, cada vez con máis frecuencia, os noivos prefiren amenizar con músicos e bailadores que deixen unha boa mostra da nosa cultura.

Unha voda en Bergantiños
IMG_4955De feito, todo comezou este verán cunha voda en Bergantiños, alá polo mes de xuño… Aínda que esta non foi unha voda real, senón a recreación dun casamento de finais do século XIX o principios do XX, nun espectáculo etnográfico que serviu para recrear os usos que rodeaba o que era un dos fitos máis importantes na vida das persoas, pero tamén para facer un repaso da riqueza da música e o baile tradicional dende a Terra Chá ata Bergantiños. Foi a nosa cita grande desta tempada e, sen dúbida, un dos espectáculos máis aplaudidos e do que nos sentimos máis orgullosos dos últimos tempos.

E seguimos
A partir de aí, viaxamos á localidade de Oleiros, en Portugal, onde convivimos durante unha fin de semana cos nosos anfitrións do Rancho Folclórico e Etnográfico desa localidade, de onde trouxemos non só unha morea de bos momentos, senón unha verdadeira lección de amor e respecto pola propia cultura e tradición. A seguir, visitamos Cedeira e Cambre, onde se celebrou a tradicional Xuntanza Mariñana, para desprazármonos novamente fóra de Galicia ata Santander, convidados pola Casa de Galicia desa fermosa cidade, que viu as súas prazas encherse co son das gaitas e os bailes de Santaia. Celebramos o Día da Patria uns días máis tarde en Santa Cruz, con varios grupos convidados que conseguiron encher a praza de Esther Pita, e acompañamos ao grupo de Oleiros, Folliñas, nas festas da súa patroa.

O RamoFinalmente, o 20 de agosto, celebramos as festas de Santa Cruz por todo o alto. Nesa data, unha familia do pobo entrega o Ramo a outra, como símbolo da fertilidade dos campos e dun bo ano para as colleitas. Ese día, Santaia percorre as rúas coa súa música dende primeira hora da mañá, acompaña ao Ramo ata igrexa en procesión e, despois da misa, baila e canta para poñer fin á xornada festiva.
Pero aínda non rematamos a tempada, á que poremos punto final en Ordes, o vindeiro día 17 de setembro. Así que, se non tiveches oportunidades de acompañarnos nas citas anteriores, agardámoste desta volta. Despois, merecemos un descansiño antes de empezar a preparar as novas pezas de música e baile dos nosos próximos espectáculos. Pero iso será máis adiante.