A pola terceira!

Que si, que si!!! Que imos a pola terceira ♫
O día 29 de Agosto a partir das 18:00h na praza Esther Pita, en Santa Cruz estades todos convidados á III FOLIADA de SANTAIA!

III Foliada_CARTEL a3 sin grupos-02

Este ano, incorporamos moitas novidades ► Dende as 18:00 e ata ás 20:00h todos os nenos (e non tan nenos) poderán participar nun montón de xogos ubicados na propia praza Esther Pita.

A partir das 20:00 h comezan a música, o baile e as actuacións! Polo escenario pasarán grupos de toda a comarca con moitas gañas de facernos vibrar. E tras a quenda de actuacións daremos paso á FOLIADA LIBRE á que convidamos a todo o mundo a participar e acompañarnos para facer deste evento unha festa inesquecible!

E non vai ser todo bailar e tocar. Todos os que vos acheguedes á Foliada atoparedes o bochinche preparado para dar de beber ás gorxas cansadas, e cunha variedade de pinchos para encher os bandullos baleiros. Ó seu lado, no stand de Santaia poderedes mercar CDs e camisetas para levar Santaia por todo o mundo. E como novidade este ano, uns broches confeccionados a man que vos encantarán!

Este ano tamén contaremos cunha pequena mostra de artesanía na que participarán Mercedes Moura (traxe tradicional), Eferro (zocos e coiro) e Dionisio Aboal (instrumentos tradicionais galegos).

E aínda non rematamos… durante toda a noite teremos á venda rifas a 1€ para poder participar no sorteo de incribles premios, colaborando desta forma coa Asociación de Veciños Santaia de Santa Cruz!

Aínda non estades convencidos? Que mellor forma de rematar o mes de agosto? Esperámosvos en Santa Cruz

Has de cantar…

Gala fin de curso tr-01

Este ano preparamos con moito mimo unha gala moi especial para pechar o curso 2014 – 2015.
Unha actuación na que participarán todos os compoñentes do grupo Santaia! Como non podía ser doutro xeito, eliximos a noso escenario favorito, as Torres de Santa Cruz. Alí estaremos o sábado 13 ás 19:30 h, para tentar emocionar ó publico asistente.

Sen dúbida, un broche de Ouro para un ano que deixa tras de si moitos ensaios e moitas horas de baile, gaita e percusión. Pero sobre todo, moitas anécdotas, viaxes, risas e horas compartidas, facendo o que máis nos gusta.

Convidamos a todas as persoas que o desexen a participar, de balde, neste evento que de seguro, non deixará a ninguén indiferente!

Unha actuación para todas as idades, ó igual que os máis de 50 compoñentes do grupo Santaia, que dende os 4 ós 60 anos traballan arreo por espallar o folclore tradicional galego.

Esperamos vervos a todos alí, con moitos folgos para aplaudir e gozar do que será o espectáculo do ano! Non é de perder!

Visita á casa galega de Fuenlabrada!

casa galega

Pois si, a próxima fin de semana imos visitar a Casa galega de Fuenlabrada!
 
Con motivo do día das Letras Galegas, o centro realiza a súa comida anual, e unha serie de eventos para dar a coñecer e mostrar a cultura galega en terras madrileñas. A Casa Galega de Fuenlabrada foi fundada no ano 1988, e a súa creación responde ó esforzo e iniciativa dun grupo de galegas e galegos procedentes na meirande parte dos casos da bisbarra de Ferrol , froito da reconversión naval dos anos 80.  No seu local ofrecen clases de gaita, percusión, baile… e o seu grupo de música tradicional, “Carrabouxos”, leva máis de dúas décadas espallando o folclore galego pola península.

Unha representación do grupo de baile e gaitas Santaia realizará varias actuacións e pasarrúas, os días 16 e 17 de Maio, dentro do programa elaborado para os festexos con motivo do día das letras galegas!

Á volta, contarémosvos a nosa aventura 😉

 

Obradoiro de colares

Comezamos este novo ano con novidades… a primeira: xa temos preparado un obradoiro de colares!

Obradoiro colares-01

Atentos!
Lugar: Centro Cívico de Santa Cruz
Horario: Domingos 22.02 e 01.03. de 16:00 – 17:30 h
Grupos alumnos: 10 persoas como máximo (cada alumno debe aportar 3 bobinas de fío de torzal)
Prezo: 40 € para socios de Santaia e 45 € para non socios
Inscrición: ata o 15.02. os sábados no Centro Cívico (de 11:00 a 14:30 h)
Se tedes calqueira dúbida ou suxerencia xa sabedes que podedes localizarnos no Facebook e no email
Estade atentos… porque este será o primeiro de moitos 😉

2ª Comida anual Santaia!

Tras o éxito da 1ª comida anual do Grupo de Baile e Gaitas Santaia… comprácenos poder anunciar a 2ª edición!

II Comida anual Santaia.pdf-01

Estades todos convidados: músicos, bailaríns, pandereteiras, percusionistas, amigos dos músicos, pais, irmáns, avós… a gran familia de Santaia ten que estar ó completo!

Cando? O sábado 17 de Xaneiro de 2014 ás 14:30h
Onde? No Hotel restaurante as Galeras
Canto? Hai un menú para adultos (25€) e un menú para os nenos ata 12 anos (10€)
Como inscribirse? No Centro Cívico (avisade a Isa) ou nas Torres, durante os ensaios de gaita (avisando a Fran). A data límite de inscripción é o 10 de Xaneiro!

Non podedes faltar! Será a comida do ano!

Avisade a todos os vosos familiares e amigos, e vinde a celebrar o comezo do ano con moita música, moito baile e sobre todo moita festa!

Vémonos ali!

Xa está aquí o novo curso !!

Agora si que si… comezamos!Tras unhas pequenas vacacións… volvemos ós ensaios de gaita, pandeireta, percusión e baile. A partir deste venres voltamos con moita forza e moitas ganas de seguir aprendendo.

Como todos os cursos, este ano tamén haberá novidades, polo que botade unha ollada ós horarios e cargade as pilas para empezar o ano a tope!

Comezamos este ano con moitas gañas, moita ilusión e moita forza para seguir facendo o que nos gusta, e nos encantaría poder compartilo contigo. Se queres saber que facemos, cando ensaiamos e o ben que o pasamos, podes entrar na nosa canle de Youtube ou no nosa páxina de Facebook e estarás ó tanto de todo o que acontece en Santaia!

Se tedes calqueira dúbida ou suxerencia contactade con nós e intentaremos resolvela o antes posible.

Arrincamos!Mieres, Asturias

Domingo do Ramo en Santa Cruz

desfile Gaitas soando dende as 9 da mañá, foguetes cada 10 minutos, un pobo cheo de xente e o Grupo de baile e gaitas Santaia ó completo bailando e tocando celebrando as Festas de Santa Cruz! Como cada ano, o cuarto domingo de Agosto é para nós o día máis importante das festas. A panificadora de Santa Cruz elabora un “ramo” con forma de tarta xigante que acompañamos en procesión á Igrexa de Santa Eulalia de Liáns. Antigamente representaba a fertilidade dos campos e un bo ano de labranza e colleita. Despois da misa do seu propio nome, a misa do Ramo, unha familia leva para á súa casa este gran biscoito, para compartilo con todo o mundo.

E que facemos nós? Asegurarnos de que todo o pobo se entere do que está a acontecer: cuartetos de gaiteiros percorren o pobo dende moi cedo espertando a todos os dormilóns coas alboradas; centos de foguetes soan sen parar antes e despois da misa; e antes de que todos vaiamos a comer bailamos e tocamos na que para nós é, unha das actuacións máis especiais do ano. O entorno é inmellorable e a compañía de todo o público de veciños ó noso carón indescriptible.

Que mellor forma de despedirse do verán que a ritmo de muiñeira?

En breves, atoparedes no noso Facebook e na galería de imaxes todas as fotos do Domingo do Ramo 2014.
Así que xa sabedes, o ano que ven, o cuarto domingo de Agosto, poñede as vosas mellores galas e esperámosvos en Lians 😉

ramo

Unha gran Foliada!

Non podíamos deixar pasar o tempo sen agradecer a todo ó mundo a súa participación na II Foliada de Santaia! O tempo non estivo da nosa parte, coma sempre, os contratempos acumuláronse a última hora… pero finalmente, co traballo de todos saiu adiante unha gran festa, que de seguro todos recordaremos.

II Foliada

A tarde de actuacións estivo representada por Mieres, Vila de Cruces e Santa Cruz; unha sintonía perfecta de música e baile que fixeron gozar a todo o público presente. Moitas grazas á asociación Punteirolo e ó grupo L’Artusu por compartir este día con nós. Esperamos que fora igual de satisfactorio do que foi para toda a familia de Santaia.

Para animar a Praza de Esther Pita, e a todos os que non se animaron a bailar e subir a tocar ó escenario, había varios Stands que se sumaron á festa: Elena Ferro, cos seus zocos de todo tipo de tamaño, forma e cor; A Falchoca, cunha variadedade incrible de prendas para completar o traxe tradicional, e para o deleite de todos os paseantes; Mar, de Imende, mostrando o seu bo facer e o arte da confección; e as palilleiras e tecedoras de Santa Cruz, que non quixeron perderse esta velada. Moitas grazas pola vosa colaboración e participación, e moitas grazas a todos os que fixéchedes unha parada no Stand de Santaia para mercar un CD ou unha camiseta, contribuindo así coa nosa asociación.

II Foliada

Gracias tamén á gran familia de Santaia que fixo posible que, un ano máis, a Foliada saira adiante: ó equipo chourizo, ós homes máis apañados de Oleiros coa auga e luz, ós coordinadores de zona, ó equipo do son, ós incansables profes, ás mamás, que están para todo e saben de todo, ós bailadores e animadores, ás pandereteiras e ós gaiteiros, á presentadora, ós improvisados camareiros, ós nenos das rifas, ás preparadoras de cestas…gracias por continuar apostando e colaborando con Santaia!

Recordade que tanto na nosa páxina de Facebook, como na sección multimedia da nosa Web podedes ver as fotos da Foliada.

Vémonos na terceira ? 😉

II Foliada

Xa está aquí a II Foliada Santaia!

II Foliada_CARTEL a3-01

Tras o éxito da primera Foliada… comprácenos convidarvos a todos á II FOLIADA de SANTAIA! O día 19 de Xullo a partir das 19:00h na praza Esther Pita, en Santa Cruz, para celebrar o día da Patria da Galega da mellor forma posible: bailando e desfrutando todos xuntos de boa música.

A partir das 19:00 h contaremos coa actuación do grupo folclórico de baile L’Artusu, dende Mieres; a asociación cultural Punteirolo, de Vila de Cruces; e o grupo de baile e gaitas Santaia.

Tras a quenda de actuacións daremos paso á FOLIADA LIBRE (a partir das 21:00h) á que convidamos a todo o mundo a participar e acompañarnos para facer deste evento unha festa inesquecible! Estade moi atentos á nosa páxina de Facebook, porque nos vindeiros días confirmaremos os grupos asistentes 😉

E non vai ser todo bailar e tocar. Todos os que vos acheguedes á Foliada poderedes probar os primeiros bocadillos de chourizo da tempada, preparados coma sempre da man das mellores cociñeiras. O bochinche estará preparado para dar de beber ás gorxas cansadas e no stand do Grupo de baile e gaitas encontraredes CDs e camisetas á venda para levar Santaia por todo o mundo. Tamén contaremos con pandeiretas, zocos e todo tipo de complementos para poder actualizar o vestiario de todos os bailadores, e que todo o que queira comece a bailar muiñeira!

E aínda non rematamos… durante toda a noite teremos á venda rifas a 1€ para poder participar no sorteo de incribles premios, colaborando desta forma coa Asociación de Veciños Santaia de Santa Cruz!

Aínda non estades convencidos? Será a festa do verán! Esperámosvos en Santa Cruz 🙂

Broche de ouro para o fin de curso!

O próximo domingo día 22 de Xuño, ás 18:00 h, no Teatro Municipal As Torres de Santa Cruz, o noso escenario favorito, terá lugar a gran festa de fin de curso do grupo de Baile e Gaitas Santaia. Un broche de Ouro para un ano que deixa tras de si moitos ensaios e moitas horas de baile, gaita e percusión.escenario Torres

Unha actuación na que todos os compoñonentes do grupo amosarán o que aprenderon e melloraron neste curso que remata.

Convidamos a todas as persoas que o desexen a participar, de balde, neste evento que de seguro, non deixará a ninguén indiferente. Máis dunha hora de espectáculo onde percorreremos parte do territorio galego, dende Bembibre a Limiñoa, a través da nosa música e baile.

Imaxes das recollidas, fotos da época, mostras do vestiario tradicional… e moitas máis sorpresas agardan a todos os asistentes a esta gran festa do folclore Galego.

Unha actuación para todas as idades, ó igual que os máis de 50 compoñentes do grupo Santaia, que dende os 4 ós 60 anos traballan arreo por espallar o folclore tradicional galego.

Esperamos vervos a todos alí, con moitos folgos para aplaudir e desfrutar do que será o espectáculo do ano! ídesvolo perder?

foto grupo