Domingo do Ramo en Santa Cruz

desfile Gaitas soando dende as 9 da mañá, foguetes cada 10 minutos, un pobo cheo de xente e o Grupo de baile e gaitas Santaia ó completo bailando e tocando celebrando as Festas de Santa Cruz! Como cada ano, o cuarto domingo de Agosto é para nós o día máis importante das festas. A panificadora de Santa Cruz elabora un “ramo” con forma de tarta xigante que acompañamos en procesión á Igrexa de Santa Eulalia de Liáns. Antigamente representaba a fertilidade dos campos e un bo ano de labranza e colleita. Despois da misa do seu propio nome, a misa do Ramo, unha familia leva para á súa casa este gran biscoito, para compartilo con todo o mundo.

E que facemos nós? Asegurarnos de que todo o pobo se entere do que está a acontecer: cuartetos de gaiteiros percorren o pobo dende moi cedo espertando a todos os dormilóns coas alboradas; centos de foguetes soan sen parar antes e despois da misa; e antes de que todos vaiamos a comer bailamos e tocamos na que para nós é, unha das actuacións máis especiais do ano. O entorno é inmellorable e a compañía de todo o público de veciños ó noso carón indescriptible.

Que mellor forma de despedirse do verán que a ritmo de muiñeira?

En breves, atoparedes no noso Facebook e na galería de imaxes todas as fotos do Domingo do Ramo 2014.
Así que xa sabedes, o ano que ven, o cuarto domingo de Agosto, poñede as vosas mellores galas e esperámosvos en Lians 😉

ramo

Advertisements