“A muller de Boisaca”, o novo espectáculo de Santaia

As gradas da pista de Meixonfrío, na localidade oleirense de Santa Cruz, quedaron pequenas o pasado 29 de xuño para acoller ao público que se achegou a coñecer “A Muller de Boisaca”, o novo espectáculo etnográfico do Grupo de Baile e Gaitas Santaia, que nesta ocasión contou coa colaboración da Cotal Lembranzas de Santa Cruz e dos actores Kike Vales e Paula Suárez.

Segundo o director artístico de “A Muller de Boisaca”, José Luis Vázquez Rosales, “sen o compromiso coa cultura, tradición, historia e identidade galegas, sería impensable levar a cabo este espectáculo etnográfico, onde Santaia pretende chegar ao público dun xeito máis sensible e pasional, de forma que todo o presente poida sentirse partícipe da nosa cultura, tradición e costumes, viaxando no tempo para coñecer de primeira man como vivían os nosos maiores”.

Cun misterio por resolver como telón de fondo, a agrupación fixo un repaso  do folclore galego e da evolución da súa manifestación popular ao longo dos tempos. O punto de partida é un accidente de tren no que non se atopa o corpo da vítima, senón unha maleta con diñeiro de distintas épocas que guían a investigación ata catro momentos da historia: un serán do século XIX, un acto de inauguración de Santaia en 1982, un espectáculo anterior de Santaia, no ano 2017, para finalizar cunha foliada distópica no 2041.

Ao longo de todo o espectáculo, máis de 75 integrantes de Santaia, ademais da coral e os actores percorreron o folclore de Galicia, cunha posta en escena alegre, dinámica e colorida, que non deixou indiferente ao público asistente.

“A muller de Boisaca” é froito do traballo de todo un ano, da man dos mestres de  cada unha das seccións de Santaia: Alexandre Ruíz, Pablo Lorenzo e Jaime Faraldo, en Gaita; Alexandre Ruíz e Pablo Alonso en Percusión; Mar Cancela, Antía Vázquez e Raquel Ríos  en Canto e pandeireta; e Jose Luis Vázquez, Antía Vázquez e Raquel Ríos en Baile. Como vén sendo habitual, a celebración contou, ademais, coa colaboración do concello de Oleiros e da Deputación da Coruña.

Imos de festa, á IV Foliada Santaia!!

Este verán, Santaia non ten parada! Despois de viaxar a Châtelaillon-Plage (Francia), de organizar a XXXVI Xuntanza Mariñana e de participar en toda canta troula nos invitaron, seguimos con ganas de festa e queremos convidarvos a todos a compartila con nós. Porque xa estamos rematando os preparativos da IV Foliada de Santaia, que encherá Santa Cruz de música, baile e bo ambiente na tarde do 27 de agosto. O punto de encontro: a praza de Esther Pita.

IV Foliada_CARTEL a3web-02

Comezaremos cedo, ás 18.00 h., cunha chea de xogos tradicionais, para que os máis pequenos empecen animados a festa. E xa a partir das 20.00 h., máis de 150 músicos e bailadores pasarán polo escenario para facernos pasar unha noite de festa rachada! Estarán connosco a Agrupación Folklórica Folliñas (Oleiros), Grupo Tradicional Dorna (Dorneda), Cantareiros do Naval (Santa Cruz), Agrupación Folclórica Ancoradoira (Culleredo), A. C. Faragullas (Teixeiro), Os fillos de Pepa a Loba (Teixeiro), As daló da vía (Teixeiro), Etidekenvessendo, Pandereteiras sen fronteiras, Os de Torres, Os manivelas e Juan Brea entre outros…e por suposto, o Grupo de Baile e Gaitas Santaia ó completo!

Pero vós non quededes de miranda! Queremos vervos bailar a todos!

Como a festa vai ser longa e haberá que repoñer forzas, non faltarán os pinchos e a bebida no noso bochinche, que boa falta van facer. E mentres descansades un pouco, entre peza e peza, non deixedes de achegarvos aos postos dos artesáns que nos acompañarán este ano: os teares e as palilleiras de Santaia, Elena Ferro, Mercedes Moura e Dionisio Aboal. Así que teremos puntillas, zocos, roupa, instrumentos, complementos! Non ha faltar de nada.

Pero non queda aí a cousa. Por se non chegase con volver a casa despois de telo pasado en grande, queremos que levedes, ademais, un agasallo. Así que, ao longo de toda a festa, poderedes mercar rifas para o sorteo que celebraremos ao final e no que poderedes levar unha morea de premios, grazas á colaboración de diferentes establecementos de Santa Cruz.

A que xa estás contando os días que faltan? Pois para que vexas o que che espera, deixámosche aquí algunhas imaxes da III Foliada de Santaia, unha pequena mostra do ben que o pasamos. Vémonos o día 27 de agosto, que imos de festa!

Graciñas 2015 ;)

Pois si, hoxe é o día de botar a vista atrás, e valorar un ano cargadiño de folclore! Porque se nos paramos a pensar no que foi este 2015…

…comezamos Xaneiro recibindo ós Reis Magos de Oriente, ós que lles pedimos moitas actuacións, poucas lesións e moita enerxía para todo o ano!

IMG_3107Xuntar a máis de 80 socios de Santaia para xantar e festexar o novo ano non foi tarefa fácil… e pasámolo tan ben que de seguro repetiremos 😉

Organizamos o primeiro obradoiro de colares, cunha mestra de excepción, e unhas alumnas moi aplicadas. Foi todo un éxito!

En Santa Cruz outra cousa non, pero festexamos todo o posible! Xa sexa Entroido, o inicio do verán, as festas do pobo… e por suposto Santaia non faltou a ningunha cita.

Ata Fuenlabrada viaxamos este ano para celebrar o día das Letras Galegas, con todos os galegos que están lonxe das súas casas.

E tras moitos meses de ensaios, máis ensaios e os ensaios dos ensaios… compartimos con todo o mundo “Has de cantar…” unha gala moi especial, coa que pechamos o curso escolar 2014-2015. Un broche de ouro no que participaron todos os membros de Santaia.IMG_8801

Como os días durante o verán son máis longos… tivemos tempo a participar na Xuntanza Mariñana, o Serán de Son d’aquí, a festa da Carballeira de Zas, o encontro folclórico de Lubre, Bergondo… e incluso… quedounos tempo para organizar a 3ª Foliada de Santaia! Que gracias a todos vós, foi un éxito absoluto.

E xa para rematar este ano… quixemos participar na homenaxe á biblioteca de Santa Cruz. Compartindo escenario con Luar na Lubre, celebramos os 30 anos de traballo pola nosa cultura, e como centro de documentación da muller.

Case esgotando xa Decembro… nós tamén quixemos formar parte da primeira foliada de “Ardelloeixo”, o programa de dinaminación do folclore na Coruña, que ten como obxectivo dar naturalidade, visibilidade e normalidade á cultura tradicional!

E por si non fora suficiente… tocamos, bailamos, rimos, escoitamos, aprendimos, melloramos e sobre todo… gozamos de cada un dos ensaios, de cada actuación, de cada viaxe e de cada foliada na que participamos. Porque da gusto pertencer á gran familia de Santaia, e seguir sumando anos xunto a ela! Graciñas a todos os que facedes posible que esta asociación, este grupo e esta familia siga medrando con moi boa saúde!

DSC_1464-001.JPG

E graciñas 2015 por un ano estupendo! 2016, non esperamos menos de ti 😉

A pola terceira!

Que si, que si!!! Que imos a pola terceira ♫
O día 29 de Agosto a partir das 18:00h na praza Esther Pita, en Santa Cruz estades todos convidados á III FOLIADA de SANTAIA!

III Foliada_CARTEL a3 sin grupos-02

Este ano, incorporamos moitas novidades ► Dende as 18:00 e ata ás 20:00h todos os nenos (e non tan nenos) poderán participar nun montón de xogos ubicados na propia praza Esther Pita.

A partir das 20:00 h comezan a música, o baile e as actuacións! Polo escenario pasarán grupos de toda a comarca con moitas gañas de facernos vibrar. E tras a quenda de actuacións daremos paso á FOLIADA LIBRE á que convidamos a todo o mundo a participar e acompañarnos para facer deste evento unha festa inesquecible!

E non vai ser todo bailar e tocar. Todos os que vos acheguedes á Foliada atoparedes o bochinche preparado para dar de beber ás gorxas cansadas, e cunha variedade de pinchos para encher os bandullos baleiros. Ó seu lado, no stand de Santaia poderedes mercar CDs e camisetas para levar Santaia por todo o mundo. E como novidade este ano, uns broches confeccionados a man que vos encantarán!

Este ano tamén contaremos cunha pequena mostra de artesanía na que participarán Mercedes Moura (traxe tradicional), Eferro (zocos e coiro) e Dionisio Aboal (instrumentos tradicionais galegos).

E aínda non rematamos… durante toda a noite teremos á venda rifas a 1€ para poder participar no sorteo de incribles premios, colaborando desta forma coa Asociación de Veciños Santaia de Santa Cruz!

Aínda non estades convencidos? Que mellor forma de rematar o mes de agosto? Esperámosvos en Santa Cruz

Has de cantar…

Gala fin de curso tr-01

Este ano preparamos con moito mimo unha gala moi especial para pechar o curso 2014 – 2015.
Unha actuación na que participarán todos os compoñentes do grupo Santaia! Como non podía ser doutro xeito, eliximos a noso escenario favorito, as Torres de Santa Cruz. Alí estaremos o sábado 13 ás 19:30 h, para tentar emocionar ó publico asistente.

Sen dúbida, un broche de Ouro para un ano que deixa tras de si moitos ensaios e moitas horas de baile, gaita e percusión. Pero sobre todo, moitas anécdotas, viaxes, risas e horas compartidas, facendo o que máis nos gusta.

Convidamos a todas as persoas que o desexen a participar, de balde, neste evento que de seguro, non deixará a ninguén indiferente!

Unha actuación para todas as idades, ó igual que os máis de 50 compoñentes do grupo Santaia, que dende os 4 ós 60 anos traballan arreo por espallar o folclore tradicional galego.

Esperamos vervos a todos alí, con moitos folgos para aplaudir e gozar do que será o espectáculo do ano! Non é de perder!

Visita á casa galega de Fuenlabrada!

casa galega

Pois si, a próxima fin de semana imos visitar a Casa galega de Fuenlabrada!
 
Con motivo do día das Letras Galegas, o centro realiza a súa comida anual, e unha serie de eventos para dar a coñecer e mostrar a cultura galega en terras madrileñas. A Casa Galega de Fuenlabrada foi fundada no ano 1988, e a súa creación responde ó esforzo e iniciativa dun grupo de galegas e galegos procedentes na meirande parte dos casos da bisbarra de Ferrol , froito da reconversión naval dos anos 80.  No seu local ofrecen clases de gaita, percusión, baile… e o seu grupo de música tradicional, “Carrabouxos”, leva máis de dúas décadas espallando o folclore galego pola península.

Unha representación do grupo de baile e gaitas Santaia realizará varias actuacións e pasarrúas, os días 16 e 17 de Maio, dentro do programa elaborado para os festexos con motivo do día das letras galegas!

Á volta, contarémosvos a nosa aventura 😉

 

Obradoiro de colares

Comezamos este novo ano con novidades… a primeira: xa temos preparado un obradoiro de colares!

Obradoiro colares-01

Atentos!
Lugar: Centro Cívico de Santa Cruz
Horario: Domingos 22.02 e 01.03. de 16:00 – 17:30 h
Grupos alumnos: 10 persoas como máximo (cada alumno debe aportar 3 bobinas de fío de torzal)
Prezo: 40 € para socios de Santaia e 45 € para non socios
Inscrición: ata o 15.02. os sábados no Centro Cívico (de 11:00 a 14:30 h)
Se tedes calqueira dúbida ou suxerencia xa sabedes que podedes localizarnos no Facebook e no email
Estade atentos… porque este será o primeiro de moitos 😉

2ª Comida anual Santaia!

Tras o éxito da 1ª comida anual do Grupo de Baile e Gaitas Santaia… comprácenos poder anunciar a 2ª edición!

II Comida anual Santaia.pdf-01

Estades todos convidados: músicos, bailaríns, pandereteiras, percusionistas, amigos dos músicos, pais, irmáns, avós… a gran familia de Santaia ten que estar ó completo!

Cando? O sábado 17 de Xaneiro de 2014 ás 14:30h
Onde? No Hotel restaurante as Galeras
Canto? Hai un menú para adultos (25€) e un menú para os nenos ata 12 anos (10€)
Como inscribirse? No Centro Cívico (avisade a Isa) ou nas Torres, durante os ensaios de gaita (avisando a Fran). A data límite de inscripción é o 10 de Xaneiro!

Non podedes faltar! Será a comida do ano!

Avisade a todos os vosos familiares e amigos, e vinde a celebrar o comezo do ano con moita música, moito baile e sobre todo moita festa!

Vémonos ali!

Xa está aquí o novo curso !!

Agora si que si… comezamos!Tras unhas pequenas vacacións… volvemos ós ensaios de gaita, pandeireta, percusión e baile. A partir deste venres voltamos con moita forza e moitas ganas de seguir aprendendo.

Como todos os cursos, este ano tamén haberá novidades, polo que botade unha ollada ós horarios e cargade as pilas para empezar o ano a tope!

Comezamos este ano con moitas gañas, moita ilusión e moita forza para seguir facendo o que nos gusta, e nos encantaría poder compartilo contigo. Se queres saber que facemos, cando ensaiamos e o ben que o pasamos, podes entrar na nosa canle de Youtube ou no nosa páxina de Facebook e estarás ó tanto de todo o que acontece en Santaia!

Se tedes calqueira dúbida ou suxerencia contactade con nós e intentaremos resolvela o antes posible.

Arrincamos!Mieres, Asturias

Domingo do Ramo en Santa Cruz

desfile Gaitas soando dende as 9 da mañá, foguetes cada 10 minutos, un pobo cheo de xente e o Grupo de baile e gaitas Santaia ó completo bailando e tocando celebrando as Festas de Santa Cruz! Como cada ano, o cuarto domingo de Agosto é para nós o día máis importante das festas. A panificadora de Santa Cruz elabora un “ramo” con forma de tarta xigante que acompañamos en procesión á Igrexa de Santa Eulalia de Liáns. Antigamente representaba a fertilidade dos campos e un bo ano de labranza e colleita. Despois da misa do seu propio nome, a misa do Ramo, unha familia leva para á súa casa este gran biscoito, para compartilo con todo o mundo.

E que facemos nós? Asegurarnos de que todo o pobo se entere do que está a acontecer: cuartetos de gaiteiros percorren o pobo dende moi cedo espertando a todos os dormilóns coas alboradas; centos de foguetes soan sen parar antes e despois da misa; e antes de que todos vaiamos a comer bailamos e tocamos na que para nós é, unha das actuacións máis especiais do ano. O entorno é inmellorable e a compañía de todo o público de veciños ó noso carón indescriptible.

Que mellor forma de despedirse do verán que a ritmo de muiñeira?

En breves, atoparedes no noso Facebook e na galería de imaxes todas as fotos do Domingo do Ramo 2014.
Así que xa sabedes, o ano que ven, o cuarto domingo de Agosto, poñede as vosas mellores galas e esperámosvos en Lians 😉

ramo