Moito gozamos este verán, levando a música e o baile tradicionais de Galicia alí onde quixeron compartila con nós. Arrincamos no mes de maio achegándonos á Romaría do cole de Santa Cruz, CEIP Isidro Parga Pondal, a onde levamos as pezas que estivemos todo o ano preparando, nunha actuación que foi a primeira para algúns dos nosos músicos e bailadores.
A continuación, atrevémonos cunha pequena ousadía. Presentámonos ao XXXVIII Concurso de Baile Tradicional Xacarandaina, ao que nos achegamos con dous obxectivos fundamentais: deixar unha boa imaxe de Santaia e gozar dun escenario como o Palacio da Ópera de A Coruña, que impón e che crece a partes iguais. É de salientar que conseguimos os dous obxectivos pero, ademais, levamos a enorme sorpresa de acadar o segundo premio da categoría C e a nosa compañeira Paula Barral levou a casa o galardón ben merecido de Mellor Bailadora. Deixámosvos o vídeo desa actuación, á que levamos a Xota de Santa Sabiña, que non cansamos de rever.
Co pulo que nos deu este arranque de tempada, centrámonos entón na preparación do espectáculo etnográfico “Romeiros”, unha proposta na que o público nos acompañou nun percorrido por algunhas das principais romarías de Galicia e que transcorreu entre finais do século XIX e os anos 20. Nel, non só presentamos música e baile, senón que o fixemos enmarcándoas na vida cotiá da Galicia daquel tempo.
A partir de aquí, xullo foi un mes intenso. O día 14 visitamos Bueu para participar no Festival Retrouso, antes de celebrar o día da Patria en casa, na praza Esther Pita, de Santa Cruz, cun festival de música e danza no que nos acompañaron o grupo Faragullas de Teixeiro e o Rancho Folclórico e Etnográfico de Oleiros (Castelo Branco – Portugal). Sen tempo para máis, preparamos a equipaxe para volver a Santander, convidados pola Casa de Galicia por segundo ano consecutivo para celebrar con eles o 25 de xullo. A acollida foi, coma o ano anterior, inmellorable.
Pouco despois, tivemos a oportunidade de ir tocar e bailar a unha voda que se celebrou no magnífico pazo de Xaz. O son das nosas gaitas recibiron aos recén casados e aos convidados, boa parte deles de orixe escocés, coma o noivo, que gozaron coa proposta de música e baile que lles levamos.
Xa en agosto, devolvemos a visita á Agrupación Faragullas de Teixeiro, que celebraba nesa localidade a XVIII Semana da Cultura e do Lecer, antes de poñer o peche á tempada coa nosa cita grande: as festas de Santa Cruz, coa procesión do Carme, as alboradas e, por suposto, o Ramo, que se celebrou, coma sempre no adro da igrexa de Liáns. Pero isto non foi todo, entre unha e outra data, os nosos gaiteiros participaron en foliadas, alboradas e pasarrúas, levando a súa música, a súa alegría e o seu saber por tódolos recunchos da nos terra, que no verán non temos parada!
Toca, gaiteiro, toca
Toca se queres tocare
Que están agardando as nenas
Que elas queren bailare