Santa Cruz en Festas

O grupo Santaia está ubicado no pobo costeiro de Santa Cruz, no Concello de Oleiros. Cada verán, durante o cuarto fin de semana do mes de Agosto celebramos as Festas do noso pobo, e cada ano, todo o grupo, dende os máis pequenos ós maiores participan durante estas festas facendo o que máis lles gusta: bailar e tocar todos xuntos!

O grupo Santaia levando o Ramo (ano 2008)O Domingo das festas, dende moi cedo pola mañá, cuartetos de gaiteiros percorren todo o pobo por diferentes circuitos espertando a todo o mundo coas alboradas. Anuncian un día especial! A panificadora de Santa Cruz fai cada ano un “ramo” con forma de tarta xigante que acompañamos en procesión á Igrexa de Santa Eulalia de Liáns todos xuntos. Antigamente representaba a fertilidade dos campos e un bo ano de labranza e colleita. Despois da misa do seu propio nome, a misa do Ramo, unha familia leva para á súa casa este gran biscoito, para compartilo con todo o mundo.

Festas de Santa Cruz 2013Non pasa nada se este ano non puidestes asistir, xa que todos os anos, o cuarto Domingo de Agosto, alí estaremos! Encantados de compartir o noso folclore con todos vós!Na saida da Igrexa e antes de xantar todos xuntos, o Grupo de Baile e Gaitas ofrece unha actuación moi especial para toda a xente do pobo; na que non falta o baile e a música, para despedir o verán a ritmo de muiñeira.

Se queredes ver algunha imaxe da actuación desde ano, non tendes máis que entrar na nosa galería de imaxes, ou visitar o noso perfil de Facebook, onde encontraredes a reportaxe completa.
Felices Festas de Santa Cruz para todos!

Festas de Santa Cruz 2013

Advertisements

Viaxe a Vila Verde

O pasado 11 de agosto o noso grupo de baile e gaitas tivo a sorte de participar no festival folclórico de Vila Verde, Braga. Os nosos veciños do Rancho Folclórico de San Martinho de Moure conmemoraban o seu 25 aniversario e contaron coa actuación de 4 grupos convidados.

O bus agardábanos cediño pola mañá para comezar a nosa rota. Entre cantigas, risas e algunha soneca o camiño fíxose curto e chegamos a Vila Verde ben e en tempo.

4 2

O noso anfitrión recibiunos agarimosamente e de seguido encamiñámonos a Braga. Alí visitamos o Bom Jesus, mosteiro que ten uns xardíns magníficos e unhas vistas abraiantes da cidade. O sol brillaba forte e xa iamos intuíndo o que sería unha xornada de moita calor.

Vila Verde, Braga

Pasámolo moi ben na actuación e o escenario era grande para bailar e tocar a gusto.Despois de xantar e dunha longa e entretida sobremesa empezamos a prepararnos para a actuación. A calor xa era abonda e os refaixos e mantóns non axudaban a manternos frescas. Menos mal que botabamos man da auga, dos abanos e do bo humor. 

Unha vez cambiados e ceados, xa á noitiña e pola fresca puidemos acompañar e desfrutar da actuación do noso grupo anfitrión, que cerrou a mostra.

Resultou unha bonita experiencia, oxalá veñan moitas actuacións e excursións así.

Xa están dispoñibles na nosa galería algunhas imaxes da viaxe e a actuación, para non perder detalle! E se queredes ver todavía máis…. na nosa páxina de Facebook están todas elas.

Vila Verde, Braga Vila Verde, Braga

Crónica dunha Foliada

Este 20 de xullo non foi igual ao resto de 20 de xullos de anos pasados. Soou diferente, sentiuse diferente, bailouse diferente. Este 20 de xullo foi o comezo das nosas foliadas en Santa Cruz.
I Foliada SantaiaO ambiente de festa respirábase dende ben cedo pola mañá e os músicos non defraudaron. A Maristela alentou os veciños, os Rueiriños e Cántigas da Terra animaban ao baile e Rexoubeiras e Donaire souberon conseguir que o espírito da foliada estivese sempre presente. Os gaiteiros e pandereteiras non deixaron de soar en toda a noite. Nunca unha praza recén inaugurada coma a dedicada a Esther Pita puido ter mellor estrea.

Muiñeiras, xotas, rumbas e pasodobres ambientaron unha festa tradicional de verán e tan de noso. Nada disto tería sido posible sen a colaboración desinteresada do grupo de baile e gaitas Santaia e da Asociación de Veciños de Santa Cruz.

I Foliada Santaia

Gustaríanos facer especial mención a Sandra, coordinadora incansable, sempre disposta a axudar e

a Esther Pita, madriña do grupo e cociñeira dos chourizos que os veciños de Santa Cruz máis desexan.

Se queredes ver algunha foto desta gran festa asomádevos á nosa galería de imaxes para poder revivir algún dos mellores momentos. E se queredes ver a reportaxe completa… visitade a nosa páxina de Facebook!

Esperamos que todos o pasárades tan ben coma nós. Dende logo repetiremos. Vémonos na II Foliada de Santa Cruz para o ano que vén. Moitas grazas de novo!

I FOLIADA SANTAIA

Cartel foliada

Os preparativos non foron doados… pero por fin temos o pracer de presentar a primeira foliada SANTAIA. O día 20 de Xullo a partir das 21:00h estaremos na recén inaugurada praza de Esther Pita, en Santa Cruz, celebrando o día da Patria da Galega da mellor forma posible: bailando e desfrutando todos xuntos de boa música.

Para facer que este día sexa inesquecible contaremos coa participación do grupo de baile A Maristela de Sobrado dos Monxes, os Rueiriños de Nós, Cántigas da Terra, Rebuxeiras da A.C. Xacarandaina e a A.C. Donaire. Moitas gracias a todos por acompañarnos nesta aventura.

E non vai ser todo bailar e tocar. Todos os que vos acheguedes á Foliada poderedes probar os primeiros bocadillos de chourizo da temporada, preparados coma sempre da man das mellores cociñeiras. O bochinche estará preparado para dar de beber ás gorxas cansadas e no stand do Grupo de baile e gaitas encontraredes CDs e camisetas á venda para levar Santaia alí onde vaiades. Tamén contaremos con pandeiretas e zocos para poder completar o vestiario de todos os bailadores, e que todo o que queira comece a practicar muiñeira!

E aínda non rematamos… durante toda a noite teremos á venda rifas a 1€ para poder participar no sorteo de increibles premios, colaborando desta forma coa Asociación de Veciños Santaia de Santa Cruz!

Esperámosvos con moitas gañas de festa en Santa Cruz!

XXXIII Xuntanza Mariñana

Este Domingo día 7 de Xullo, a partir das 11:30h no campo da festa de Dorneda hai unha cita á que non podes faltar! Un ano máis, a Xuntanza Mariñana é unha data obrigada para os grupos da comarca, para amosar o seu mellor repertorio e desfrutar dun día único compartindo o mellor folclore.

Xuntanza Mariñana

Este ano, o grupo Dorna de Dorneda encárgase de organizar a XXXIII edición desta festa, e por suposto Santaia acudirá, como cada ano aportando o seu grao de area.

Xa van máis de 30 anos que os grupos de baile e música tradicional  da comarca das mariñas xuntámonos para compartir  este día, e este ano estaremos enriba do escenario os grupos Dorna (Dorneda), A Marola (Mera), Folliñas (Oleiros), As Mariñas (Cambre), San Xoán de Ouces (Bergondo), Semente Nova (Perillo) e nós, o grupo Santaia de Santa Cruz.

Xuntanza Mariñana 11

A pasada edición celebrada en San Pedro de Nós deixou o listón moi alto, pero non dubidamos que este ano será aínda mellor. Fai un oco na túa axenda e vémonos o Domingo en Dorneda!

Benvidos!

Grupo

Agora si… reactivamos a nosa actividade no mundo dixital para que esteades ó tanto de todo o que acontece no grupo de baile e gaitas Santaia de Santa Cruz.
Nesta páxina podedes atopar toda a información necesaria para achegarse ó máximo a esencia de Santaia, ós seus compoñentes, as súas actuacións, a súa historia…
Buceade polas súas páxinas, compartide o seus contidos, e non dubidedes en poñervos en contacto con nós se queredes saber máis!