Este 20 de xullo non foi igual ao resto de 20 de xullos de anos pasados. Soou diferente, sentiuse diferente, bailouse diferente. Este 20 de xullo foi o comezo das nosas foliadas en Santa Cruz.
O ambiente de festa respirábase dende ben cedo pola mañá e os músicos non defraudaron. A Maristela alentou os veciños, os Rueiriños e Cántigas da Terra animaban ao baile e Rexoubeiras e Donaire souberon conseguir que o espírito da foliada estivese sempre presente. Os gaiteiros e pandereteiras non deixaron de soar en toda a noite. Nunca unha praza recén inaugurada coma a dedicada a Esther Pita puido ter mellor estrea.
Muiñeiras, xotas, rumbas e pasodobres ambientaron unha festa tradicional de verán e tan de noso. Nada disto tería sido posible sen a colaboración desinteresada do grupo de baile e gaitas Santaia e da Asociación de Veciños de Santa Cruz.
Gustaríanos facer especial mención a Sandra, coordinadora incansable, sempre disposta a axudar e
a Esther Pita, madriña do grupo e cociñeira dos chourizos que os veciños de Santa Cruz máis desexan.
Se queredes ver algunha foto desta gran festa asomádevos á nosa galería de imaxes para poder revivir algún dos mellores momentos. E se queredes ver a reportaxe completa… visitade a nosa páxina de Facebook!
Esperamos que todos o pasárades tan ben coma nós. Dende logo repetiremos. Vémonos na II Foliada de Santa Cruz para o ano que vén. Moitas grazas de novo!