Este Domingo día 7 de Xullo, a partir das 11:30h no campo da festa de Dorneda hai unha cita á que non podes faltar! Un ano máis, a Xuntanza Mariñana é unha data obrigada para os grupos da comarca, para amosar o seu mellor repertorio e desfrutar dun día único compartindo o mellor folclore.
Este ano, o grupo Dorna de Dorneda encárgase de organizar a XXXIII edición desta festa, e por suposto Santaia acudirá, como cada ano aportando o seu grao de area.
Xa van máis de 30 anos que os grupos de baile e música tradicional da comarca das mariñas xuntámonos para compartir este día, e este ano estaremos enriba do escenario os grupos Dorna (Dorneda), A Marola (Mera), Folliñas (Oleiros), As Mariñas (Cambre), San Xoán de Ouces (Bergondo), Semente Nova (Perillo) e nós, o grupo Santaia de Santa Cruz.
A pasada edición celebrada en San Pedro de Nós deixou o listón moi alto, pero non dubidamos que este ano será aínda mellor. Fai un oco na túa axenda e vémonos o Domingo en Dorneda!