Xa está todo a punto para comezar un novo curso! Ide preparando a gaita, pandeireta, tambor e os zapatos para vir a ensaiar, a partir deste sábado verémonos moito!
Este ano empeza con moitas novidades: cambios de horarios, de profesores, novos proxectos de futuro… e por iso queremos vervos a todos este Venres 4 de Outubro, ás 20:30 h nas Torres de Santa Cruz, para informarvos de todo o que acontecerá, poñer ideas en común e arrincar o curso coas pilas ben cargadas.
Comezamos este ano con moitas gañas, moita ilusión e moita forza para seguir facendo o que nos gusta, e nos encantaría poder compartilo contigo. Se queres saber que facemos, cando ensaiamos e o ben que o pasamos, podes entrar na nosa canle de Youtube ou no nosa páxina de Facebook e estarás ó tanto de todo o que acontece en Santaia!
Arrincamos!
O Domingo das festas, dende moi cedo pola mañá, cuartetos de gaiteiros percorren todo o pobo por diferentes circuitos espertando a todo o mundo coas alboradas. Anuncian un día especial! A panificadora de Santa Cruz fai cada ano un “ramo” con forma de tarta xigante que acompañamos en procesión á Igrexa de Santa Eulalia de Liáns todos xuntos. Antigamente representaba a fertilidade dos campos e un bo ano de labranza e colleita. Despois da misa do seu propio nome, a misa do Ramo, unha familia leva para á súa casa este gran biscoito, para compartilo con todo o mundo.
Non pasa nada se este ano non puidestes asistir, xa que todos os anos, o cuarto Domingo de Agosto, alí estaremos! Encantados de compartir o noso folclore con todos vós!Na saida da Igrexa e antes de xantar todos xuntos, o Grupo de Baile e Gaitas ofrece unha actuación moi especial para toda a xente do pobo; na que non falta o baile e a música, para despedir o verán a ritmo de muiñeira.



O ambiente de festa respirábase dende ben cedo pola mañá e os músicos non defraudaron. A Maristela alentou os veciños, os Rueiriños e Cántigas da Terra animaban ao baile e Rexoubeiras e Donaire souberon conseguir que o espírito da foliada estivese sempre presente. Os gaiteiros e pandereteiras non deixaron de soar en toda a noite. Nunca unha praza recén inaugurada coma a dedicada a Esther Pita puido ter mellor estrea.



