Boas Festas e Feliz Aninovo!

Estamos ás portas dun novo ano e toca facer balance do que remata e proxectos para o que comeza. O punto final ao 2017 puxémolo hai uns días, coma sempre, na residencia de maiores de Oleiros, onde xa nos sentimos coma na casa, cun público agradecido que nos recibe con enorme agarimo. Que máis se pode pedir?

Mirando cara atrás, dámonos conta de que fixemos un montón de cousas este ano. Do que máis orgullosos estamos é do Casamento de Ramón e Palmira, un espectáculo etnográfico de música e baile que nos pon o listón moi alto para o ano que vén.

Tamén viaxamos a Oleiros, no distrito de Castelo Branco, en Portugal, onde compartimos unha fin de semana marabillosa cos amigos do Rancho Folclórico e Etnográfico de Oleiros, que nos devolverán a visita o vindeiro verán. Polo demais, percorremos a xeografía galega, tocando e bailando en foliadas, romarías e festas patronais, ademais de poñer música e baile a máis dunha voda.

Ao 2018 non lle pedimos moito máis, nin moito menos! Seguiremos tocando, bailando e cantando para recuperar, conservar e difundir a nosa cultura e tradición. E, por suposto, compartindo esta tarefa con tantos outros compañeiros e agrupacións, enriquecéndonos os uns aos outros.

21167343_1414024575384845_7607619045702061934_o

Seguimos en contacto en 2018, para o que vos trasladamos os nosos mellores desexos.

Boas Festas e Feliz Aninovo!