Durante os días 12 e 13 de Abril unha gran representación do grupo partimos cara Mieres, Asturias para participar na festa da “Folixa na Primavera”. Separábannos tan só 300 km que pasaron voando entre risas, películas, algunha que outra canción e moi bo ambiente!
O día comezaba moi cedo, dende as 11 e media de mañá, e ata a hora de xantar, todos os grupos invitados amenizamos coa nosa música o tradicional espiche da Sidra. Toda unha mañá na que os asistentes puideron desfrutar da “Bolla” da Folixa e as primeiras botellas de Sidra.
Tanta música e baile abriunos o apetito, así que grazas á cortesía do grupo local Ruxidera degustamos un menú do máis asturiano.
Aínda que despois da comilona apetecía unha sesta… o día non facía máis que comenzar! Todos a peitearse, maquillarse, vestirse, afinar os instrumentos e marchar cara a praza Requexu. Comeza a actuación!
Compartimos escenario con “La Barbacana” do Bierzo, “Ruxidera” e “L’Artusu” de Mieres, e ata altas horas da noite percorrimos a cidade de Mieres dende a praza Requexu, a coñecida praza da Sidra, pasando por Carreño Miranda, para rematar no parque de Xovellanos.
A noite fíxose curta para recargar forzas, pero xa que estabamos por Asturias…aproveitamos para visitar Avilés. Un bonito paseo polo casco histórico da cidade, con guía incluida, coñecendo un pouco máis da cultura e tradicións asturianas. Houbo moitos que quixeron demostrar a súa maña escanciando sidra! Parecía moito máis sinxelo do que resultou, pero botamos unha risas.
A viaxe de volta estivo amenizada por pandereteiras e gaiteiros que non querían deixar que ninguén se durmira nin un minuto!
Unha vez máis, moitas grazas a todos pola vosa colaboración e gañas de pasalo ben!
Non vos perdades a reportaxe da fin de semana asturiana na nosa galería de fotos, ou páxina de Facebook.