O Grupo de Baile e Gaitas Santaia fundouse no ano 1982 no seo da Asociación de Veciños Santaia de Santa Cruz, no concello de Oleiros, da que tomou o seu nome, dentro dun marco de iniciativas culturais propostas pola propia veciñanza, co obxecto de recoller, manter e transmitir as antigas tradicións do noso pobo no eido musical e artístico. Desde a súa fundación, e ao longo de todo este tempo, participou en numerosos actos culturais celebrados non só nos máis diversos puntos da xeografía galega, senón tamén en numerosas localidades do territorio español, así como noutros países como Italia, Francia ou Portugal.
A agrupación, actualmente, está formada por máis dun cento de compoñentes entre baile, gaita, percusión, pandeireta e canto. E é neste aspecto no que reside a verdadeira fortaleza de Santaia, pois, ao longo dos seus 41 anos de historia, conseguiu reunir un gran grupo humano, formado esencialmente por familias de Santa Cruz, que comparten afección, inquedanzas, compromiso e sobre todo, escenario.
Sen o compromiso coa cultura, tradición, historia e identidade galegas sería impensable concibir os espectáculos etnográficos que Santaia vén levando a escena ao longo dos últimos anos, como Casamento, Camiños ou A Muller de Boisaca, este último recentemente estreado en xuño de 2024. Con eles, a agrupación pretende chegar ao público dunha maneira máis sensible e apaixonada, de xeito que todos os asistentes poidan sentirse partícipes da nosa cultura, tradición e costumes, viaxando no tempo para coñecer de primeira man como vivían os nosos maiores.
Para Santaia non é unha prioridade participar en concursos de baile e música tradicional, con todo, si presentou varias propostas e recibiu diversos premios nos últimos certames de Xacarandaina ou Ultreia, entre outros, o que supón un recoñecemento ao traballo desenvolvido polo conxunto do grupo para preservar, difundir e transmitir a tradición cultural de Galicia.